II.— O Renacimento hispano e a guerra
"A guerra -ista fera sacudida do mundo inteiro- obríganos á apural-o paso, á bulir, e todal-as rexións, virando as costas á Gobernos sin goberno, e á Parlamentos podres, ocúpanse no estudo, na defensa, na loita pol- a vida tanto d'hoxe coma de mañán- o mañán brandido e ledo co que todos soñamos.
¿E nosoutros qué vimos facendo? ¿Qué hemos facer?"
Extracto do punto "O renacimento hispano, e a guerra" do discurso pronunciado por Luís Porteiro Garea no acto fundacional da Irmandade da Fala en Santiago de Compostela o 28 de maio de 1916
Porteiro Garea aproveitou o discurso fundacional da Irmandade da Fala de Santiago de Compostela para facer un apelo ao pobo galego para que tomase o leme do seu destino. Unha simple pregunta, “e nós que?”, sintetiza perfectamente ese convite.
Hoxe, cen anos após daquel histórico discurso, a pregunta continúa a ser pertinente. Esta é a cuestión que as persoas participantes nesta mesa redonda tentarán responder. Cal é o vieiro que Galiza, o pobo galego, debe seguir para ser dona de seu?
Esta actividade terá lugar na Facultade de Filosofía, antigo Instituto Xelmírez onde fixo os seus estudos secundarios Porteiro Garea.
MESA REDONDA: Galiza. Un proxecto de país para agora e para o futuro
Participan: Joám Lopes Facal • Teresa Moure Pereiro • Adrián Dios Vicente • Antón Gómez-Reino Varela
Colabora: Gentalha do Pichel
Lugar: Salón de actos da Facultade de Filosofía
Horario: 12 h
JOÁM LOPES FACAL é un economista e político galego. Desenvolveu unha intensa actividade sindical militando na clandestinidade en Galicia Socialista. Foi un dos dirixentes da Asemblea Popular Galega, integrándose despois no Partido Obreiro Galego. Foi deputado no Parlamento de Galicia polo PSG-EG. Traballa na análise da situación da economía galega e participa como docente en cursos máster da USC. Escribiu unha tese sobre o Banco Olimpio Pérez.
TERESA MOURE PEREIRO é doutora en lingüística xeral e exerce a docencia nas Facultades de Filosofía e Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Nas eleccións xerais de 2011 foi candidata do BNG ao Senado. Na súa obra literaria cultiva todos os xéneros: poesia, narrativa, teatro, ensaio e artigo xornalístico e ten sido traducida a diferentes linguas.
ADRIÁN DIOS VICENTE é licenciado en economía, mestre en desenvolvemento económico e innovación e doutorando de migracións internacionais e cooperación ao desenvolvemento na Universidade de Santiago de Compostela. Foi membro da Executiva Nacional do BNG e un dos impulsores da Liga Estudantil Galega.
ANTÓN GÓMEZ-REINO VARELA é activista social e político. Foi un dos asinantes do Manifesto Mover Ficha, que iniciou o movemento do que xurdiu Podemos, e tamén un dos impulsores da Marea Atlántica. No 2015 encabezou a candidatura de En Marea ás eleccións xerais ao Congreso pola provincia da Coruña e foi elixido deputado.