I.— Falar i escribir en galego, coma seipamos

"A redimir este idioma do aldraxe que dél fan, non os alleos, que non sinten nin pensan nél e non teñen por qué estimalo (bastáralles si acaso gardarlle os respetos debidos), sinon os propios, quizáis nosoutros mesmos, encamíñase a «Hirmandade dos Amigos da Fala»; e como o idioma é sempre verbo d'un mundo de pensamentos e sentimentos, diferente dos outros no seu molde pol-o menos, a chamada pra defensa do idioma esquencido, é, primeiramente, un requeremento de examen de concencia rexional."

 

Extracto do primeiro punto, "Falar i escribir en galego, coma seipamos",  do discurso pronunciado por Luís Porteiro Garea no acto fundacional da Irmandade da Fala en Santiago de Compostela o 28 de maio de 1916.

 

Neste primeiro punto do seu discurso fundacional da Irmandade da Fala de Santiago, o seu presidente, Luís Porteiro Garea, explica a situación do galego e o labor que as Irmandades queren emprender na súa defensa.

En relación con el propoñemos unha pequena peza de teatro na que se nos explica quen foi Porteiro Garea e que labor desenvolveu a Irmandade da Fala de Compostela. Nesta obra, Inacio Vilariño interpreta o fotógrafo Ksado quen, ao tempo que prepara o grupo de espectadores para unha foto colectiva, nos fai tamén un retrato memorialístico do que aconteceu neste momento da nosa historia.

Esta actividade desenvolverase no Claustro de Fonseca, lugar onde estaba a Facultade de Medicina na que Porteiro Garea pronunciou a súa conferencia en galego “A transformación do dereito civil pola Grande Guerra”, no ano 1915. 

 

TEATRO: KSADO, por Inacio Vilariño

Lugar: Claustro de Fonseca

Horarios: 12 / 17.20 / 18.20 h     

INACIO VILARIÑO é actor e director da compañía de monicreques Fantoches Baj coa que ten dirixido numerosos espectáculos relacionados coas letras galegas como Titoán, sobre a figura de Castelao; PULP, unha achega á poesía de Lois Pereiro; O Asombro, arredor do poeta Uxío Novoneyra ou a recente adaptación d'Os vellos non deben de namorarse a teatro de monicreques.