INFORMACIÓN
CELEBRACIÓN DO
CENTENARIO
DA IRMANDADE DA FALA
DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
O 28 de maio de 1916 tiña lugar, no Círculo Católico de Obreiros, a xuntanza fundacional da Irmandade da Fala de Santiago de Compostela. O seu presidente, o avogado e concelleiro “agrario” Luís Porteiro Garea, foi o encargado de pronunciar o discurso inaugural, no cal facía unha lectura da situación lingüística, política, económica, social e cultural de Galicia.
Estruturado en 12 puntos, o discurso de Porteiro Garea funcionará como o eixo vertebrador dos numerosos actos que se propoñen nesta xornada de celebración do centenario da Irmandade compostelá. Deste xeito, cada actividade (teatro, poesía, música, mesas redondas...) está vinculada coa temática dun punto concreto do discurso. Así pois, dende a interdisciplinariedade e variedade das propostas conséguese facer unha relectura das palabras de Porteiro Garea que pon de manifesto a súa profunda actualidade. (Descargar o discurso)
O nacemento das Irmandades
O chamamento da revista Estudios Gallegos de Madrid en defensa do galego secundado por Antón Villar Ponte logo de se comunicar con Manuel Lugrís Freire, con Leandro Carré Alvarellos e co apoio escrito da Asociación Iniciadora e Protectora da Real Academia Galega da Habana, acaba nunha xuntanza, ideada polo seu irmán Ramón Villar Ponte, o 18 de maio, na sede da Real Academia Galega, na rúa Rego de auga, 38, 1º, na Coruña. Preto, no número 4, vive Antón coa súa dona Micaela Chao, que é única muller que asistirá. Eses vinteoito fundadores deciden a creación da "Irmandade dos Amigos da Fala" cos seus estatutos, e un Consello Directivo por un ano, que preside A. Villar Ponte, conselleiro primeiro. O segundo era Antonio Valcárcel López de Lemos; José Lamas, o secretario, e Iglesias Roura, o tesoureiro.
Trátase dunha apoloxía da lingua e dun chamado á súa defensa e divulgación que como tal ten boa acollida na prensa. Era un chamamento aos intelectuais para traballaren imandados na defensa da lingua e da cultura galega. Esta semente do idioma vai arraizar ese ano noutras cidades e vilas.
A Irmandade de Santiago
A segunda Irmandade en se constituír foi a de Santiago de Compostela. Para iso, a través da prensa compostelá faise unha convocatoria o 26 de maio asinada por Luís Porteiro, o catedrático de veterinaria Jesús Culebras Rodríguez, o arquitecto Filipe Cimadevila Rey e o estudante de maxisterio Victoriano Taibo.
A xuntanza celebrouse o domingo, 28 de maio de 1916, no Círculo Católico de Obreiros na rúa do Vilar, 21 presidida por Luís Porteiro Garea. Asistiron tamén Filipe Cimadevila, Victoriano Taibo, Salvador Cabeza de León, os catedráticos de medicina Miguel Gil Casares, Juan Barcia Caballero e Antonio Novo, o profesor de Maxisterio Casto Blanco Cabeza, o director do Diario de Galicia, Miguel Ferrer, o crego e profesor do Seminario López Carballeira, o xornalista Ramón Salgado, o catedrático de dereito Jacobo Varela de Limia, os cregos e profesores Manuel Vidal e mais Valentín Villanueva e o militar Vaamonde Miranda.
Nese encontro, o avogado e concelleiro Luís Porteiro Garea pronunciou o discurso fundacional.
O movemento medrou
Logo deste acto e da escolla da directiva da Irmandade compostelá o 1 de xuño, seguíronse fundando noutras vilas de Galicia outras irmandades.
Esta empresa cultural de poucos, pero colectiva, co seu semanario A Nosa Terra, convertida en acción política desde a asemblea en Lugo de 1918, sufrirá un esgallamento en 1922 na xuntanza de Monforte. O gallo ártabro (Luís Peña Novo) defende, ademais da cultural, a acción política e, o auriense, (Vicente M. Risco era o seu adaíl) aposta primeiro pola intervención e pola concienciación cultural. Infelizmente durante a ditadura ambos só poderán desenvolver con dificultade o labor cultural coas súas esforzadas editoriais e coas súas publicacións. Unha división que se volve anoar na súa sétima e derradeira asemblea, en Pontevedra, da que xorde o Partido Galeguista en decembro de 1931.
Puntos do discurso de Porteiro Garea
1- Falar i escribir en galego, coma seipamos
2- O renacimento hispano, e a guerra
3- A concencia do noso pecado
4- Amar á Hespaña e á Galicia
5- A nosa posición no mundo
6- Cuestiós interiores. sintesis
7- O capital galego
8- A industria e o traballo
9- O direito, xueces e notarios
10- O arte, a música galega
11- A crisis da nosa poesía
12- Ramón cabanillas
Os espazos
Cada un dos espazos escollidos para desenvolver as actividades están relacionados coa historia de Luís Porteiro Garea e a Irmandade Compostelá. Así por exemplo, na rúa do Vilar estaba situado o Círculo Católico de Obreiros, en cuxo local se reuniu por primeira vez a Irmandade da Fala de Santiago; no actual Instituto Rosalía de Castro estaba situada, naquel momento, a Sociedade Económica de Amigos do País, quen se ofreceu a cederlle o local á Irmandade para as súas reunión; na Facultade de Filosofía estaba o Instituto onde estudou Porteiro Garea, etc.
Asociacións colaboradoras
As asociacións compostelás Gentalha do Pichel, Asociación San Martiño Pinario e Asociación Cultural Cidade Vella de Compostela prestáronse a colaborar de maneira activa coa organización de diversas actividades.