XI.- A crisis da nosa poesía + XII. Ramón Cabanillas
ACTO CENTRAL. Recital poético + Concerto de voz e piano
Lugar: Panteón de Galegos Ilustres
Horario: 19.30h
"n-o idioma que non se fala dend'o berce —por moi perfeuto que sexa— non se formula o sentir y-o pensar poético"
Extracto do undécimo punto, "A crisis da nosa poesía", do discurso pronunciado por Luís Porteiro Garea no acto fundacional da Irmandade da Fala en Santiago de Compostela o 28 de maio de 1916.
Recital poético. Salvador García-Bodaño • Helena Villar Janeiro • Claudio Rodríguez Fer • Lucía Novas
SALVADOR GARCÍA-BODAÑO é poeta, narrador, crítico de arte, ensaísta, columnista de prensa... Santiago de Compostela foi a cidade onde se formou intelectualmente e na que vive. En plena ditadura franquista fundou, xunto a outros amigos e amigas galeguistas e nacionalistas, a Agrupación Cultural ‘O Galo’, que había de ser pioneira de todo un longo movemento de agrupacións creadas para a difusión da nosa cultura e da nosa lingua. A súa poesía reflicte ese vínculo co galeguismo e o seu compromiso con Galicia e o galego.
HELENA VILLAR JANEIRO, mestra, activista cultural e escritora. Como escritora cultiva varios xéneros, especialmente a poesía e a narración, dedicando especial atención ao público infantil e xuvenil e tamén aos novos formatos de difusión nas redes. Foi presidenta da Fundación Rosalía de Castro e tamén membro do Plenario do Consello da Cultura Galega.
CLAUDIO RODRÍGUEZ FER é poeta, narrador, ensaísta e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. O seu longo labor pola recuperación da memoria histórica está recollido nas súas investigacións e publicacións ensaísticas pero tamén na súa poesía, pois os seus textos son un berro pola dignificación da memoria das vítimas do fascismo, entre as que se atoparon moitos membros das Irmandades da Fala.
LUCÍA NOVAS é profesora no ensino secundario e escritora. Ten participado en obras colectivas homenaxe a membros do galeguismo como Alexandre Bóveda ou o editor e membro das Irmandades da Fala Ánxel Casal. Ademais, é a encargada da antoloxía poética de Ramón Cabanillas publicada por Galaxia no 2009.
Cabanillas é o cardiaco que ven á remover (supricando, mallando, escarnecendo) a nosa apatía, a espertarnos do sono mortal. Hémolo poñer por cabeza d'este movimento, que si precisa moito estudio e moito sacrificio, ten as suas raíces n-o corazón"
Extracto do último punto, "Ramón Cabanillas", do discurso pronunciado por Luís Porteiro Garea no acto fundacional da Irmandade da Fala en Santiago de Compostela o 28 de maio de 1916.
Concerto de canto e piano: Ramón Cabanillas na música
Joaquín Pixán (tenor) e Manuel Pacheco (piano)
O tenor Joaquín Pixán e o pianista Alejandro Zabala publicaban, no 2001, un disco homenaxe ao poeta Ramón Cabanillas que leva por título Ramón Cabanillas na música. Trátase dun marabilloso ramallete de cancións, compostas por grandes músicos, sobre os poemas do chamado “poeta da raza”, interpretadas por dous artistas excepcionais. Neste recital a voz de Joaquín Pixán estará acompañada polo piano de Manuel Pacheco.
JOAQUÍN PIXÁN ten unha longa carreira como cantante e xestor musical. Ten desenvolvido proxectos e colaboracións con Alfredo Kraus ou Monserrat Caballé. Tamén traballou con directores como Jesús López Cobos, Rafael Frühbeck de Burgos, Benito Lauret, Jorge Rubio, Miguel Roa e David Hill, entre outros. Destacan entre a súa discografía os traballos Cantares Gallegos e Ramón Cabanillas na música.
MANUEL PACHECO é natural de Villanueva de los Infantes (Ciudad Real). Desempeñou o seu labor de pianista acompañante para a Escolanía do Escorial e a Real Capilla Escurialense. Actualmente é membo do comité organizador do Festival Internacional de Música Clásica de Villanueva de los Infantes