X.— O arte. A música galega
"Hemos loitar pol-o renacimento da música —qu'é o linguaxe da y-alma n-os momentos subrimes— e alentar e axudar a todal-as masas corales de Galicia pra que traballen por ese renacemento, máis ben con festas populares, que con refinamentos d'academia afogados n-as catro paredes d'un salón"
Extracto do décimo punto "O arte. A música galega" do discurso pronunciado por Luís Porteiro Garea
no acto fundacional da Irmandade da Fala en Santiago de Compostela o 28 de maio de 1916
Colabora: Asociación Cultural Cidade Vella de Compostela e Asociación San Martiño Pinario
Regueifas a dúo - Alba María e Luís Caruncho (regueifa e zanfona)
Lugar: Praza de Cervantes
Horario: 13.30 h
Espectáculo a dúo dun veterán xa ben coñecido no mundo da improvisación oral coma Luís Correa “O Caruncho” canda a nova e excepcional xeración de regueifeiras da man de Alba María. Sobre cantinelas populares e repetitivas botan versos ao desafío improvisados para encandilar unha audiencia sempre abraiada das capacidades e enxeño destes cantores.
ALBA MARÍA. Gañadora do I Concurso de Canción de Autor de Teo, con só 19 anos deu a luz a “Aínda”, o seu primeiro disco. Ademais é unha excelente improvisadora, das poucas mulleres que regueifan no país, e gañadora de diversos concursos organizados pola Asociación ORAL de Vigo.
LUÍS CORREA “O CARUNCHO”: É un dos músicos máis activos de Galicia, fundador do grupo “Os Carunchos” e gran impulsor da regueifa. Leva máis de trinta anos traballando na cultura popular sendo un referente no mundo da zanfona, sempre acompañando coa súa voz na interpretación de vellos romances e outros de creación propia. Dirixe a aula e o grupo de zanfonas da Tradescola, escola de música tradicional de Lugo. Ademais, é membro activo dos grupos Os Folieiros, Zurrumalla, o coro galego Cantares de Brión, o dúo de zanfona Sobre Rodas e os regueifeiros Trioliro.
Escola VivAntes! (baile e pandeiretas)
Lugar: Terraza de A GRAMOLA (San Paio de Antealtares-Pza dos Gatos)
Horario: 16.30h
A ESCOLA VIVANTES! nace en Compostela como iniciativa dun grupo de amigos e amigas con ganas de aprender e desfrutar da cultura tradicional galega dende unha perspectiva lúdica.
Na actualidade está dirixida por Noemí Basanta e Rebeca Tallón Armada, quen dende hai xa dous anos se esforzan por transmitir ao seu alumnado a importancia de cantar, tocar e bailar en calquera contexto sen renunciar á calidade técnica.
Esta escola constitúe o lugar de encontro para todas aquelas persoas que consideran que unha boa festa é aquela que se fai a ritmo de muiñeira.
Tis Che Tein + foliada libre
Lugar: Terraza de A GRAMOLA (San Paio de Antealtares-Pza dos Gatos)
Horario: 17.00 h
Os TIS CHE TEIN son unha emerxente formación de músicos galegos que presentaron o seu proxecto no verán de 2012 na zona de Santiago de Compostela. Música de Galicia, Portugal, Francia, Irlanda, Escocia e Suecia conforman o seu repertorio. A reinvención destas músicas é o obxectivo dos Tis Che Tein que, parindo das tradicións europeas achéganse dun xeito natural ás tendencias musicais atlánticas máis contemporáneas. O resultado é un son sincero, orgánizo e envolvente.
Do Fondo Do Peto (música tradicional)
Lugar: Terraza da CASA DAS CRECHAS (Vía Sacra)
Horario: 20.00h
DO FONDO DO PETO arrinca a súa andaina en 2013 cun claro obxectivo: poñer no panorama musical aquelas pezas que foron quedando atrás á par de agrupacións que mantiveron a música tradicional galega viva e con dignidade.
Así, un elenco de persoas chegadas de comarcas tan diversas coma A Mariña, a Costa da Morte, a Ulla, o Condado e Compostela, xuntáronse para interpretar unha longa escolma do repertorio dos nosos coros históricos, recolleitas dos gaiteiros do país e pezas clave dos cuartetos tradicionais, dándolle a súa visión e experiencia sen perder o rigor polas fontes orixinais das que tiran.
Cantamadeira - Foliada (Folk)
Lugar: Terraza do LITERARIOS (Quintana de Vivos)
Horario: 22.00h
CANTAMADEIRA é un grupo de musica tradicional galega. Xesús Rodríguez á gaita, Xan Casas ao acordeón, Sole González ao bombo, Toño Vidal ao tamboril e Sonia Alfonsín á pandeireta conforman o elenco de Cantamadeira, todos con diferentes experiencias vitais pero unidos no afán de manter a tradición musical do país.