IX.— O direito, xueces e notarios

 

"Irmáns d'a fala: qu'os nosos xueces e notarios, sepan o galego, é o menos que podemos pedir, si han de ser garantía de xusticia e fidelidade."

Extracto do noveno punto "O direito, xueces e notarios"  do discurso pronunciado por Luís Porteiro Garea
no acto fundacional da Irmandade da Fala en Santiago de Compostela o 28 de maio de 1916

 

Xustiza e fidelidade. Con estas palabras remata o noveno punto do discurso fundacional da Irmandade da Fala de Santiago de Compostela pronunciado por Luís Porteiro Garea reclamando aos seus o compromiso dos tribunais coa lingua galega para seren realmente portadores deses dous valores, ansiados por quen acode en busca de amparo a un xulgado.

Neste encontro darase conta do contexto da Xustiza no tempo das Irmandades e de como a incorporación da lingua neste ámbito, xa reclamada polos ilustrados cento cincuenta anos antes ca Porteiro, segue a ser un soño inacabado na Galiza do século XXI.

Logo dunha breve contextualización histórica e do marco xurídico-lingüístico actual, Dalila Dopazo e Luís Villares relatarán a vida diaria do traballo en galego nun xulgado calquera do país para demostrar a vixencia do discurso das Irmandades e a necesidade  de compromiso institucional coa lingua, que permitiría vivir con normalidade democrática o feito lingüístico neste ámbito.

Para rematar, darase conta das iniciativas en marcha e dos recursos existentes para superar estas barreiras, amosando como o traballo ilusionante, constante e desinteresado de moita xente anónima erosiona a inercia desgaleguizadora da administración. É a vixencia do espírito irmandiño nos tempos que corren.

Na actual Facultade de Xeografía e Historia estaba, no tempo das Irmandades, a Facultade de Dereito onde estudou e foi profesor Luís Porteiro Garea.

 

CHARLA-COLOQUIO: Xustiza e fidelidade. O difícil tránsito á cooficialidade lingüística nos tribunais galegos. 

Participan: Dalila Dopazo Blanco • Luís Villares Naveira

Lugar: Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia

Horario: 17.30 h 

 

DALILA DOPAZO BLANCO é licenciada en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, onde obtivo tamén o título de especialista en dereito civil de Galicia. Actualmente exerce como maxistrada no Xulgado do Social nº 3 de Lugo. É autora de diversos relatorios e artigos relacionados coa lingua e o dereito de Galicia. É membro fundadora da Irmandade Xurídica Galega, que aglutina diferentes profesionais do mundo do dereito que pulan por acadar a efectividade real dos dereitos lingüísticos na Administración de Xustiza e no tráfico xurídico ordinario en Galicia.

LUÍS VILLARES NAVEIRA é licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, onde obtivo o diploma de estudos avanzados cunha investigación sobre dereito de consumo. Actualmente exerce a xurisdición na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e é coordinador en Galicia da asociación progresista Xuíces para a Democracia. É membro fundador da Irmandade Xurídica Galega.