IV.— Amar a Hespaña e a Galicia
"E o mundo, non respeta a quen non comenza por se respetar a sí mesmo y-os seus... Ben vedes o que fixemos do idioma —verbo da raza—; pra moitos chegóu a ser cousa despreciabre, vergoñosa, repunante... Ainda máis: hai quen pasa en Madrí tres meses e ven falando andalús. [...] A nosa misión será estudiarnos, e cando seriamente preparados, mostremol-as concrusiós, estade seguros de qu'as xuventudes de toda España que traballa e loita poranse o noso lado"
Extracto do cuarto punto, "Amar a Hespaña e a Galicia", do discurso pronunciado por Luís Porteiro Garea no acto fundacional da Irmandade da Fala en Santiago de Compostela o 28 de maio de 1916.
Porteiro Garea insistía na necesidade de afondar no coñecemento para poder rematar co menosprezo propio e alleo. Do editor e integrante das Irmandades da Fala, Ánxel Casal, posteriormente alcalde de Santiago, naceu a idea de poñer en marcha as primeiras escolas de ensino galego que funcionaron en Galicia. A súa muller, María Miramontes, fixo unha notoria contribución a este proxecto pois co seu traballo de modista axudaba economicamente a estas iniciativas en favor do nacionalismo e da cultura de Galicia, entre as que figuraban as Irmandades da Fala pero tamén a editorial Lar, a editorial Nós e incluso estas escolas bilingües e progresistas nas que se buscaba que as nenas e nenos se formasen no seu idioma e no amor e coñecemento de Galicia.
A actividade proposta en relación con este punto do discurso é unha pequena peza teatral na que a actriz Tero Rodríguez representa a María Miramontes quen, ao tempo que borda unha bandeira, rememora a súa época como membro activo das Irmandades da Fala e o tráxico destino de moitos dos seus integrantes.
TEATRO: MARÍA MIRAMONTES, por Tero Rodríguez
Lugar: Vestíbulo do Teatro Principal
Horarios: 13 / 17.45 /18.45 h
TERO RODRÍGUEZ é licenciada en filoloxía galego-portugesa e en arte dramático pola ESAD de Galicia na especialidade de dirección de escena. Ten traballado en labores de dirección ou como actriz en compañías como Cordayre, Nobicarelo, Lagarta Lagarta, Fantoches Baj… Desde hai 7 anos, forma parte do elenco e dirección dos Quinquilláns e imparte obradoiros de interpretación en diferentes centros escolares da Galiza.